Deseñadores emerxentes protagonizan ‘Con-Fío en Galicia’
A exposición Con-fío en Galicia que, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, se inaugurará o vindeiro venres, porá o foco sobre os logros acadados polos grandes deseñadores e empresas do sector téxtil-moda e dará visibilidade aos novos deseñadores galegos procedentes de Esdemga da Universidade de Vigo e a EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, as dúas grandes escolas de moda de Galicia. Do mesmo xeito, a mostra permitirá dar a coñecer proxectos innovadores relacionados coa sustentabilidade e a produción de calidade, como o desenvolvido por Latitude ou as pezas de punto artesanal de Knitbrary.
A exposición, que se poderá visitar de balde entre o 11 de marzo a partir das 16 horas ao 11 de setembro, presentará un proxecto realizado por alumnos de Esdemga e da Mestre Mateo no que estes novos creadores reinterpretan de xeito libre e contemporáneo vestiarios que aparecen en pezas históricas, como as pinturas murais do século XV que representan a donas da aristocracia na Igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, o sartego de San Paio Godín ou a lámina ‘La gallega de Noia con un gallego de Tui bailando un danza prima’. O proxecto está dirixido pola directora de Esdemga, Lola Dopico, e a profesora da Mestre Mateo Carmen Pastoriza.
Con-fío en Galicia servirá para dar a coñecer os traballos de dúas das grandes promesas da moda en España: as galegas Sheila Pazos e Paula Sobrino, premios Fin de Carreira de Esdemga 2015 e que presentarán as súas coleccións nun desfile durante o acto de inauguración. Paula Sobrino, actualmente deseñadora na marca Bimba & Lola, presentará o traballo ‘No te mueres cariño’ inspirado nas películas de David Lynch. Xunto a ela estará Sheyla Pazos, que vén de desfilar na Madrid Fashion Week.
Moda sustentable
A mostra abrirase tamén aos proxectos relacionados coa sustentabilidade e os novos desafíos que afronta a moda. Co obxectivo de recuperar a memoria téxtil, Latitude —colectivo que dirixe María Almazán— presentará o proxecto Avoas, no que se reinterpretará vestiario da xeración das nosas avoas a partir de tecidos innovadores e sustentables, como algodón ecolóxico cultivado sen o uso de pesticidas nin produtos tóxicos ou poliéster reciclado a partir de botellas de plástico PET.
Nesta liña destaca iniciativas como Knitbrary, firma de Yolanda Estévez e Pedro Castellanos na Coruña dedicada á elaboración de pezas de punto confeccionadas de xeito artesanal e coa máis alta calidade. Knitbrary foi seleccionada pola revista Vogue entre os dez proxectos finalistas da quinta edición do Who’s on next? 2016.
Homenaxe aos grandes deseñadores
Estes proxectos terán o seu espazo nunha exposición que renderá homenaxe ao universo creativo dos deseñadores galegos que lograron situar as súas creacións na pasarela internacional, Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Kina Fernández, Florentino ou Antonio Pernas, pero tamén porá o foco sobre un sector capaz de xerar grupos empresariais líderes, como Inditex, ou a Sociedade Textil Lonia, que xestiona desde Galicia marcas como Carolina Herrera.
Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, prestará unha especial atención á eclosión que se viviu nos anos 80 en Galicia. ‘La arruga es bella’ de Adolfo Domínguez, as creacións de Roberto Verino, Antonio Pernas ou o grupo ‘Galicia Moda’ (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira, María Mariño…) marcarán as décadas douradas da moda galega; protagonismo que estará compartido co fenómeno Inditex, hoxe primeiro grupo téxtil do mundo. Xunto a eles, a exposición incorporará aos deseñadores e marcas que apareceron desde entón como Purificación García, Bimba&Lola, D-Due, Chicha Solla, Olga Ríos, Pili Carrera, Toypes, LaCanalla, Sara Coleman, Eva Soto, José Castro ou María Barros.
A nova mostra ofrecerá tamén un percorrido histórico, desde a Prehistoria ata o Romanticismo, e desde o inicio da produción do liño ata a creación dunha rede de tecedoras no rural galego ou as primeiras industrias téxtiles como a empresa de máquinas de coser Refrey ou a Camisería Regojo de Redondela, que chegou a contar con Dalí como modelo das súas campañas publicitarias.
A exposición Con-Fío en Galicia conta co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega, integrado polas empresas da antiga Fundación privada Gaiás, e ademais suma como colaboradores a Viaqua e a D.O. Ribeiro.