Abre as súas portas Con-Fío en Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a confianza e o éxito do téxtil galego no mundo: “Vós tecedes fío a fío a gran marca que é Galicia”, dixo durante o acto de inauguración da exposición Con fío en Galicia na Cidade da Cultura.

O titular da Xunta lembrou que este foi un ano récord en exportacións, cun superávit nas contas tamén no que ao téxtil se refire. “Dos 18.500 millóns de euros que xeraron as nosas vendas no exterior, o 21,6% correspóndelle a este sector, cun incremento de máis do 16% respecto ao exercicio anterior”, dixo. Un pulo -que tal e como indicou-, ten unha excepcional repercusión nos que vivimos dentro, “40.000 galegos traballan de forma directa e indirecta hoxe por hoxe neste sector, que achega máis do 7% do Produto Interior Bruto”.
Nesa liña, Feijóo sinalou que Galicia é o principal centro empresarial e de deseño de Europa e un dos principais do mundo pese a ser unha das rexións máis periféricas e malia non contar coas materias primas que se requiren para o téxtil. Ademais, aseverou que os deseñadores galegos permiten que milleiros de homes e mulleres espallen polo mundo unha parte do que sabemos facer e do que somos, o noso téxtil. Un fito que só consegue este sector e polo que os galegos como pobo estamos en débeda con toda a xente que se dedica ao téxtil. Así o atestan os datos, dixo, porque preto de 300 téxtiles galegas exportan arestora a 100 mercados diferentes, levando a marca Galicia aos principais mercados do mundo. Entre as que se atopan, tal e como sinalou o titular da Xunta, a Sociedade Téxtil Lonia con Purificación García e Carolina Herrera, Bimba & Lola, D-Due, Etiem, Nanos ou Alba Conde. “Fixéronse cun oco no panorama internacional nun momento de enorme dificultade”, engadiu.

A este respecto, Feijóo afirmou que todas estas empresas seguen o camiño que abriu a número un do mundo, o grupo Inditex co seu abano de marcas, e outros precursores como Adolfo Domínguez, Florentino e Roberto Verino, aos que se foron unindo Pili Carrera, María Moreira ou Kina Fernández entre outros. No seu conxunto “configuran a maior concentración téxtil do mundo en 30.000 km cadrados e constitúen unha enorme visión empresarial”, dixo.
Finalmente, Feijóo subliñou que estas empresas foron capaces de levantar grandes estruturas practicamente da nada, e que conseguiron abrir novos mercados para os seus propios proxectos a 7.000 millóns de consumidores e “abrírllelos ao noso proxecto común, que é Galicia”.

Un paseo pola Historia a través da moda
Coa mostra Con-Fío en Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converte o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura nunha pasarela de moda na que homenaxear un sector que conseguiu situar Galicia nun lugar de referencia no panorama internacional: o téxtil. Ao longo de 300 pezas, Con-Fío en Galicia ofrece un percorrido por un sector estratéxico, constituído por 300 empresas que dan emprego a unhas 13.000 persoas e que representan o 6,5% da riqueza da comunidade. Uns 100 looks singulares da moda feita en Galicia, reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, valiosas coleccións privadas e unha escolma de material fotográfico e audiovisual guían ao visitante polos fitos máis destacados da nosa historia téxtil.

Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, a mostra pon o foco en momentos claves do noso téxtil: a eclosión que se viviu nos anos 80 en Galicia coa famosa ‘La arruga es bella’ de Adolfo Domínguez, as creacións de Roberto Verino, Antonio Pernas, Pili Carrera ou o grupo ‘Galicia Moda’ (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira, María Mariño…); e o fenómeno Inditex, hoxe primeiro grupo téxtil do mundo. Dous puntos de inflexión que sentaron as bases de futuras firmas destacadas como Sociedade Textil Lonia e Purificación García e de marcas de éxito como Bimba&Lola, Viriato ou Alba Conde.

Xunto a eles, a exposición do Museo Centro Gaiás pon o foco sobre deseñadores contemporáneos como Eva Soto ou José Castro, que visten a iconas como Lady Gaga ou as protagonistas de Sexo en Nova York. Xunto a eles, novos nomes como Amai Rodríguez Coladas, Elena Rial ou Jorge Vázquez, e marcas que están a despuntar por buscar na moda galega novas señas de identidade como a reinvención do luxo de D-Dúe, o compromiso ambiental de Knitbrary e Latitude, ou as creacións experimentais de LaCanalla.