anos 80

Navega

A década dourada da moda galega. Os anos 80 supuxeron o renacemento da nosa industria téxtil cunha nova e marcada identidade: o deseño. Foron os anos do xa famoso lema ‘La arruga es bella’ de Adolfo Domínguez, que traspasou fronteiras e vestiu o Sonny Crocket de Corrupción en Miami; da puxanza de firmas como Antonio Pernas, Pili Carrera ou Kina Fernández; e do nacemento de Galicia Moda, movemento que agrupaba a varias empresas do sector (Gene Cabaleiro, Florentino, Charoa, D’Aquela, María Mariño, María Moreira, Caramelo…) coa fin de crear unha imaxe de marca. O resultado foi innegable: incrementouse a facturación do sector, creáronse multitude de empresas e o deseño converteuse nun trazo distintivo do sector téxtil galego.

Con–Fío en Galicia detense especialmente neste período coa mostra de recoñecidos looks destes grandes deseñadores, documentos da época como a revista Galicia Moda, imaxes dos primeiros desfiles nos que a moda galega brillaba con luz propia en cidades como París ou Barcelona grazas á pasarela ‘Luada’, e instantáneas tomadas por grandes fotógrafos de moda como Outumuro, Xoán Piñón, Luis Carré ou Eloy Lozano das creacións máis desexadas do momento: as galegas. Os 80 supuxeron tamén o nacemento do que hoxe coñecemos como o xigante Inditex e sentaron as bases de futuras empresas destacadas coa Sociedad Textil Lonia e Purificación García como grandes expoñentes, e de marcas actuais de éxito como Bimba & Lola, Viriato ou Alba Conde.

Portada de Vogue Galicia
Caramelo. Xoán Piñón
"La arruga es bella". Adolfo Domínguez
Don Johnson en "Miami Vice" vestido de Adolfo Domínguez
Traxe de Gene Cabaleiro
Portada de Galicia Moda