Sector téxtil

Navega

O téxtil galego é un sector estratéxico, constituído por 300 empresas que dan emprego a 13.000 persoas e que representa o 6,5% da riqueza da comunidade. Un peso e importancia económica que ‘Con–Fío en Galicia’ recolle a través de varias pezas que resultaron claves neste proceso. Das pantallas interactivas de Inditex aos primeiros teares castrexos. Da Refrey, a primeira máquina de coser fabricada en Galicia, ao éxito da camisería Regojo, que coas súas camisas Dalí, que non precisaban seren pasadas a ferro, converteuse nun dos maiores complexos téxtiles de Galicia, con 1.200 empregados e unha produción de 15.000 camisas diarias. Un éxito que levou a Regojo a asinar unha campaña de publicidade co propio Dalí que, tal e como se pode comprobar no Museo Centro Gaiás, difundiu as virtudes da prenda a cambio de 125.000 pesetas e unha peseta por cada unidade vendida.

O éxito téxtil non é cousa do pasado. Así o demostra a Sociedad Textil Lonia, que desde Ourense xestiona marcas como Carolina Herrera; Adolfo Domínguez, terceira industria téxtil durante o 2013; e, como non, Inditex. Un total de 6.777 tendas abertas en 88 mercados no ano 2015 levan o nome de Galicia polo mundo. Primeira no ranking de empresas téxtiles, Inditex é obxecto de estudo en múltiples escolas de negocio e publicacións académicas, e o seu fundador, Amancio Ortega, é o segundo home máis rico do mundo. O xigante de Arteixo ábrese ao público no Museo Centro Gaiás a través de pantallas nas que visitar a cadea de produción, as tendas repartidas por todo o globo e as coleccións que cada ano saen de Galicia para vestir o mundo.