HISTORIA
Galicia ocupa un lugar propio na historia mundial da moda. Grandes deseñadores e unha industria global, froito dunha longa tradición téxtil, así o acreditan. Para comprender como Galicia chegou a converterse nun dos espazos de referencia, ‘Con–Fío en Galicia’ ofrece un percorrido pola vestimenta prehistórica, castrexa, medieval, renacentista ou do Romanticismo combinada con diferentes instrumentos e materiais utilizados na confección dos mesmos (desde unha agulla do Paleolítico procedente da Cova de Eirós ata unha tablet de Inditex).
O visitante poderá ver a evolución do noso vestir a través de indumentaria civil, de diario, de festexo e vestimenta tradicional materializadas nunha escolma de pezas históricas, artísticas, fotografías, vídeos, documentos e obxectos artesanais. Unha ampla colección que inclúe desde un traxe tradicional masculino deseñado por Picasso ata un vestido de festa de Balenciaga. Xunto ás roupas reais, ‘Con–Fío en Galicia’ ofrece a posibilidade de sorprenderse con reconstrucións históricas das vestimentas de personaxes tan icónicos da Historia de Galicia coma o rei Afonso IX ou a raíña Dona Berenguela a cargo da galega Arantxa Vilas, de Pinaki Studio, responsable do vestiario de series internacionais como ‘Xogo de tronos’. Ou coas fantasías históricas realizadas polos alumnos da Escola de Estudos Superiores en Deseño téxtil e Moda de Galicia (ESDEMGA) e a EASD Mestre Mateo que, inspirados en pinturas renacentistas, medievais e do século XVIII, ofrecen versións contemporáneas dos nosos antepasados.
Unha viaxe no tempo por diferentes tecidos, instrumentos, adobíos e tendencias que debuxan o que fomos e o que somos.