HISTORIA

Navega

Galicia ocupa un lugar propio na historia mundial da moda. Grandes deseñadores e unha industria global, froito dunha longa tradición téxtil, así o acreditan.  Para comprender como Galicia chegou a converterse nun dos espazos de referencia, ‘Con–Fío en Galicia’ ofrece un percorrido pola vestimenta prehistórica, castrexa, medieval, renacentista ou do Romanticismo combinada con diferentes instrumentos e materiais utilizados na confección dos mesmos (desde unha agulla do Paleolítico procedente da Cova de Eirós ata unha tablet de Inditex).

O visitante poderá ver a evolución do noso vestir a través de indumentaria civil, de diario, de festexo e vestimenta tradicional materializadas nunha escolma de pezas históricas, artísticas, fotografías, vídeos, documentos e obxectos artesanais. Unha ampla colección que inclúe desde un traxe tradicional masculino deseñado por Picasso ata un vestido de festa de Balenciaga. Xunto ás roupas reais, ‘Con–Fío en Galicia’ ofrece a posibilidade de sorprenderse con reconstrucións históricas das vestimentas de personaxes tan icónicos da Historia de Galicia coma o rei Afonso IX ou a raíña Dona Berenguela a cargo da galega Arantxa Vilas, de Pinaki Studio, responsable do vestiario de series internacionais como ‘Xogo de tronos’. Ou coas fantasías históricas realizadas polos alumnos da Escola de Estudos Superiores en Deseño téxtil e Moda de Galicia (ESDEMGA) e a EASD Mestre Mateo que, inspirados en pinturas renacentistas, medievais e do século XVIII, ofrecen versións contemporáneas dos nosos antepasados.

Unha viaxe no tempo por diferentes tecidos, instrumentos, adobíos e tendencias que debuxan o que fomos e o que somos.

PALEOLÍTICO

COSENDO NO PALEOLÍTICO
A agulla da Cova de Eirós (Triacastela, Lugo), un óso pulido de sete centímetros que podería datar do Paleolítico, é a peza máis antiga vinculada ao téxtil que se ten atopado en Galicia.

IDADE MEDIA (s. V-XV)

FANTASÍAS HISTÓRICAS
Alumnos de dúas escolas de moda, ESDEMGA de Pontevedra e Mestre Mateo de Santiago, presentan unha reinterpretación contemporánea de indumentarias históricas nun exercicio radical de creatividade.

(Foto: Pixi Arnoso)
SÉCULO XII

DE XOGO DE TRONOS Á RAÍÑA BERENGUELA
A galega Arantza Vilas, e a súa firma Pinaki Studios afincada en Londres, participou na confección do vestiario histórico en producións como “Xogo de Tronos”. Na mostra reconstruíu a indumentaria de dous reis galegos: Berenguela e Alfonso IX.

Pinaki Studios (Foto: Pinaki Studios)
SÉCULO XVI

A PRIMEIRA REPRESENTACIÓN DUN GALEGO
Esta parella que figura no Códice do artista italiano Tiziano Vecellio do século XVI é a primeira representación de galegos da que se ten constancia na historia da arte.

ANOS 20

UN GALEGO DE PICASSO
Pablo Picasso deseñou un traxe de gaiteiro para o ballet titulado “Sombrero de tres picos”, estreada en 1919. Outros grandes mestres da pintura, como Joaquín Sorolla, teñen reflectido tamén nas súas obras a indumentaria de Galicia.

ANOS 40

REFREY, PRODIXIO TECNOLÓXICO
Fundada no barrio de Bouzas (Vigo) no ano 1948, os avances técnicos destas máquinas de coser converteron a Refrey (Freire, ao revés) nunha marca emblemática na España dos sesenta e setenta, décadas nas que se chegaron a vender máis de 30.000 máquinas ao ano.

DÉCADA DOS 60

DALÍ, UNHA PESETA POR CAMISA
A fábrica de camisas Regojo, situada en Redondela, saltou á fama nos sesenta coa ‘camisa Dalí’, bautizada así xa que a publicidade dela foi feita por Salvador Dalí, quen asinou un contrato de 125.000 pesetas e cobraba unha peseta máis por camisa vendida.

ANOS 80

"LA ARRUGA ES BELLA"
En 1979 xorde o slogan máis popular da moda dos oitenta en España. Os deseños de Adolfo Domínguez darán a volta ao mundo, vestindo aos personaxes de series de televisión tan populares como “Miami Vice” (Corrupción en Miami).

ACTUALIDADE

LADY GAGA
Os deseños de origami da pontevedresa Eva Soto Conde chamaron a atención de Lady Gaga, que os empregou para un videoclip. Os novos deseñadores galegos teñen situado as súas creacións en serios de éxito mundial, como José Castro en “Sexo en Nova York”.

FUTURO

AVOAS ECOLÓXICAS
Latitude, no seu compromiso coa moda sostible, presenta un proxecto de reintepretación da indumentaria tradicional das xeración das nosas avoas a partir de tecidos ecolóxicos, sostibles e de técnicas respectuosas co medio natural.